O galo de curral, un manxar Vila de Cruces
Hai unhas décadas no rural galego os galos crecían en liberdade, polo que a súa carne era dun sabor único. Aínda que esta cría tradicional se foi perdendo co tempo, nalgunhas zonas logrou recuperarse e manterse. É o caso de Vila de Cruces, municipio pontevedrés no que o galo de curral é o protagonista da festa gastronómica declarada de interese turístico de Galicia, que alcanza a súa vixésimo sexta edición en 2019.
Quen cría o galo de curral de Vila de Cruces esforzouse para que este manxar, propicio para multitude de elaboracións, estea presente nalgúns dos máis reputados restaurantes españois e mesmo chegue a numerosas cidades fóra das nosas fronteiras.
Esta vianda adoita incluírse nas cartas dos establecementos locais durante todo o ano. Pero é ao chegar a primavera cando Vila de Cruces fixa o día grande do galo de curral, que, nesta ocasión, terá lugar o domingo 9 de xuño. Durante todo o día sucédense actividades entre as que destacan a exposición e exaltación dos pratos elaborados con esta ave de carne magra de cor intensa e sabor inigualable.
Tampouco faltan as propostas musicais, con actuacións durante todo o día, como o Festival de Bandas de Galicia, que fai os mesmos anos que o propio certame gastronómico e reúne en Vila de Cruces algunhas das agrupacións máis prestixiosas de Galicia. A lectura do pregón é outro dos actos que congregan a miles de visitantes neste municipio