Pasado e presente danzan en Aldán
Ancestrais, tradicionais e singulares, as Danzas de San Sebastián de Aldán regresan a esta parroquia de Cangas cada mes de xaneiro. O día 20 a localidade celebra as festas na honra do santo nunha xornada na que este colorido baile acapara todas as miradas.
Declarada Festa de Interese Turístico de Galicia, a inexistencia de fontes documentais específicas impide datar con exactitude a orixe desta danza. Non obstante, tense constancia de que esta tradición se remonta a mediados do século XVII.

Na actualidade este baile supón un espectáculo que se inicia no adro da igrexa de San Cibrán. Nesa contorna un total de dez galáns, cinco damas e un guía agardan a saída da procesión. Tras a pertinente reverencia ao santo, o grupo encabeza a comitiva coa particularidade de que as bailarinas e os bailaríns nunca lle dan as costas. Despois prodúcese a contradanza.
O ritual inclúe a inclinación das persoas que danzan ante a imaxe, tres veces cando se achegan e outras tres cando volven á súa posición inicial. É o guía o encargado de dirixir en todo momento os movementos do conxunto, que se producen ao son da gaita, o tamboril e as castañolas.
Obra de arte floral
A indumentaria destaca pola súa singularidade. Panos de cores, mandil negro, vestido branco e mantón de Manila conforman a vestimenta delas, mentres que eles bailan ataviados con zapatos e traxe de cor negra realzado con chapeu de feltro. Destaca o chapeu confeccionado con flores e cintas de cores que locen as damas.

Pero esta localidade non é a única en marcar o ritmo, pois no concello de Cangas (na comarca do Morrazo) sobresaen tamén danzas coma as que se interpretan nas parroquias do Hío e de Darbo na honra de San Roque e de Santa María, respectivamente, que se integran nas Danzas Ancestrais de Cangas.