Mexillóns e berberechos reinan na mesa
A pesca e o marisqueo foron o pan de toda a vida para os veciños de Vilanova de Arousa (Vilagarcía de Arousa). E se alguén pode presentar mellor que ninguén un prato son aqueles que o estiveron preparando e degustando desde que teñen uso de razón. Mitílidos e cárdidos, ou o que é o mesmo, mexillóns e berberechos, son moluscos bivalvos abundantes na ría. Galicia é exportadora mundial dos primeiros grazas á súa orografía costeira; as rías presentan un emprazamento inmellorable e as bateas convértense na súa casa. En canto aos segundos, son recollidos polas mariscadoras baixo o lodo da praia durante a marea baixa.
E co movemento das mareas e a lúa chega o fresco da tarde, o cal será ben recibido con estes aperitivos, que poden ser preparados de diferentes maneiras: ao vapor, en vinagreta, en escabeche, etc. Un encontro que será acompañado, sen dúbida, por outros mariscos e pratos locais. Todo a partir da segunda semana de agosto.
Para ver e percorrer en Vilanova de Arousa
Se decides gozar desta festa gastronómica propoñémosche outras ideas para aproveitar a viaxe, como visitar a casa do Cuadrante , onde naceu Ramón María del Valle-Inclán, dramaturgo internacionalmente coñecido. A igrexa da Pastoriza ou a de San Cibrán e a capela da Encarnación son outras visitas recomendables.
O miradoiro do monte Lobeira e un paseo polo Esteiro de Vilanova de Arousa son outras grandes opcións.