Fiestas en Rías Baixas

Festas

San Telmo

Tui honra o patrón dos navegantes

Da opulencia á total humildade. Este foi o xiro que sufriu a vida de Pedro González Telmo, coñecido como san Telmo. O patrón de Tui, de gran devoción entre a xente do mar, nacera en Frómista, moi preto de Palencia, no seo dunha familia adiñeirada. Ordenouse sacerdote baixo a protección do seu tío, bispo, e acabaría ocupando os cargos de cóengo e deán.

Na actualidade, o segundo luns despois do Domingo de Pascua, Tui celebra as súas festas na honra de san Telmo, quen, durante unha cabalgata no Nadal, viu como o seu cabalo escorregaba e el acababa no lodo. Dise que ese instante supuxo un antes e un despois na súa vida e fixo que se convertese nun frade humilde. Nesta festividade conmemórase o día en que pereceu en Tui no seu camiño cara a Santiago de Compostela. Atribúenselle moitos milagres, polos que foi beatificado en 1254. O seu culto confirmouse en 1741 e foi designado daquela patrón dos mariñeiros.

San Telmo
San Telmo

As orixes desta festa, segundo consta no arquivo do bispado, hai que buscalas en 1578, aínda que sería no século XVIII cando comezaría a afluencia de fieis ao evento e á celebración dos seus actos relixiosos. Coa chegada do século XX introduciríanse outros atractivos coma desfiles, concertos ou fogos de artificio.

A día de hoxe a tradición segue viva. A maior parte dos actos eclesiásticos teñen lugar na catedral de Santa María, onde repousan os restos do santo. Durante varias xornadas Tui convértese así en centro relixioso, cultural e lúdico, posto que o programa festivo incorpora actividades de moi diversa tipoloxía. Algúns dos momentos máis esperados son a procesión da Coronilla –que percorre o conxunto histórico– e a que se fai na honra de san Telmo, con numerosas imaxes. Unha ofrenda floral e diversos cánticos pechan este ritual.

Pola súa banda, o percorrido de xigantes e cabezudos é outro dos momentos con máis tradición destas festas, tras a súa recente recuperación despois de anos sen levárense a cabo. De todos os protagonistas, a raíña e o rei son os máis destacados, tanto pola súa lonxevidade como pola súa altura e peso: caracterízanos máis de cinco décadas, uns 4 metros e 60 quilos. Outros actos do cartel son a Semana do Teatro Afeccionado, a Feira do Cabalo ou a Festa do Meixón.

Camiño de Santiago e igrexa

Desde Portugal e na ruta xacobea cara a Santiago de Compostela, Tui supón a porta de entrada a Galicia. A catedral de Santa María é unha das principais xoias do patrimonio galego e, nela, destaca o pórtico como a primeira obra gótica da península ibérica e a única do seu estilo que se conserva en toda a comunidade autónoma. No seu interior atópase ademais a capela de San Telmo. A igrexa de San Telmo, de estilo barroco e deseñada polo frade Mateo de Jesús María, foi construída no lugar onde falecera o santo que lle dá nome.

Tui