Semana Santa nas Rías Baixas
Se hai dous puntos neurálxicos da Semana Santa na provincia de Pontevedra, eses son, sen dúbida, os municipios de Cangas e Meis. Ambas as tradicións, que teñen recoñecido o seu Interese Turístico galego, son sinónimo de solemnidade, realismo e alta espiritualidade. Revivirás a Paixón de Cristo!
CANGAS
A gran participación é un dos sinais de identidade da Semana Santa de Cangas, no Morrazo, hoxe consolidada e arraigada. A Confraría da Virxe das Dores e da Soidade, a do Santísimo Cristo do Consolo e a da Misericordia teñen a súa orixe no século XVIII. Ao longo dos anos os seus rituais fóronse enriquecendo e deron lugar a unha das escenificacións máis vistosas e artísticas, así como de máis recollemento. Hoxe esta tradición está considerada como unha das máis completas e espectaculares de toda a provincia.
As tallas, que destacan por seren articuladas e tamén polo seu tamaño e decoración, van precedidas polo paso das e dos penitentes encapuchados. Estas figuras, practicamente únicas en Galicia, levan ademais o selo do mestre Cerviño, escultor do famoso cruceiro do Hío.
As tallas articuladas e belamente decoradas, algunhas obra do mestre Cerviño, son portadas polo centro histórico de Cangas durante a Procesión do Santo Encontro
O Venres Santo é o día grande, pois nesta xornada ten lugar a procesión matutina coñecida como A Negación de San Pedro. A continuación, a do Santo Encontro simula o Calvario de Cristo. Neste momento as imaxes articuladas de San Xoán, a Verónica xunto coas Tres Marías e a Santísima Virxe das Dores sorprenden, na zona vella, para atoparse na praza da Constitución co paso do Nazareno , acompañado do Cirineo e de saións romanos. Pola tarde ten lugar a representación do Descendemento, momento no que a imaxe articulada do Cristo se descrava e se deposita nunha urna de cristal aos pés da Virxe das Dores. Emoción e realismo súmanse a unha escena que ten continuidade coa procesión do Santo Enterro e a do Silencio, ás doce da noite. As velas como única iluminación, os tambores marcando o paso e os confrades distinguen este momento.
MEIS
En Paradela, Meis, ten lugar outra das celebracións máis coñecidas de toda Galicia. Aínda que non hai certeza sobre a súa orixe, si se sabe que procede do século XVIII, momento no que se adquiriu unha talla de Xesús. Se antes era no interior da igrexa onde tiñan lugar as representacións –mediante unha talla articulada coa que se escenificaba o desencravo– hoxe estes rituais saíron á rúa nunha tradición de grande arraigamento desde 1920. O realismo é o principal trazo desta tradición, na que se representan, en vivo e en directo, todas as pasaxes bíblicas da Paixón de Cristo.
Na actualidade, a Última Cea ou a Resurrección do Domingo de Pascua son algúns dos momentos escenificados neste singular e peculiar evento. Outras escenas relevantes son a Bendición do Domingo de Ramos; a representación do Prendemento e Xuízo do Sanedrín o Xoves Santo; a escenificación das últimas horas da vida de Xesús co viacrucis; o Desencravo e Descendemento de Xesús ou a Procesión do Santo Enterro o Venres Santo, así como a Bendición da Auga e do Lume.
PONTEVEDRA
A celebración ten a súa orixe no século XV. Na actualidade asistir a esta liturxia significa vivir momentos tan singulares coma a procesión coa imaxe de Xesús entrando en Xerusalén, a do Cristo das Caídas, a de Xesús Nazareno e María Santísima da Esperanza, a da Santísima Virxe da Soidade e Xesús, a dos Pasos, a do Encontro con viacrucis penitencial, a do Santo Enterro ou a do Encontro do Resucitado coa súa nai, a Virxe María.
VIGO
O Domingo de Ramos ten lugar a procesión da Borriquita. O Xoves Santo sae da igrexa do Sagrado Corazón a procesión da Paixón; no barrio de Teis escenifícase a do noso Pai Xesús Nazareno e a Virxe das Dores; e en Bouzas a procesión do Nazareno e a Virxe Dolorosa da Reconciliación. Na xornada do Venres Santo saen á rúa a procesión do Encontro, a da Virxe da Soidade e a do Santo Enterro.
BAIONA
O Xoves Santo ten lugar a procesión dos Pasos, con figuras viventes, e o Venres Santo escenifícase a do Santo Enterro –ou procesión dos homes–. A da Dolorosa –ou das mulleres– pecha os actos no municipio.
A GUARDA
Ofícianse a misa in coena domini, a eucaristía predicada e a procesión dos Pasos. A Adoración da Cruz ten lugar o Venres Santo, coa procesión do Encontro, o Sermón das Sete Palabras e a procesión do Santo Enterro. A da Soidade de María con viacrucis, a Vixilia Pascual e a Misa Solemne de Gloria pechan esta tradición o Sábado Santo.