Fiestas en Rías Baixas

Entroido

Xenerais do Ulla

Os xinetes do Entroido

Os xenerais, con coloridos uniformes, manteñen brillantes duelos dialécticos a cabalo

É unha das manifestacións máis pintorescas do entroido nas Rías Baixas. Declarada Festa de Interese Turístico de Galicia, en varios concellos do rural da provincia de Pontevedra celébranse os famosos altos ou atranques dos xenerais.

Nas ribeiras do río Ulla, á calor da lareira, as persoas maiores lembran antigos costumes e as máis novas desexan ser as súas protagonistas. Os xenerais son un fermoso espectáculo, montados a cabalo e ataviados con vistosas vestimentas de gran valor que impresionan pola súa tradición e elaboración, e evocan un forte sentimento nas veciñas e veciños participantes.

Entroido de los Xenerais da Ulla

Hai que remontarse a mediados do século XIX para entender as orixes desta festividade, aínda que se descoñece a data exacta do seu comezo. Crese que está relacionada cos soldados que loitaron pola súa terra na guerra da Independencia ou que conmemoran os xenerais das guerras carlistas, pola súa florida vestimenta.

Xenerais do Ulla

Nos desfiles as e os participantes locen traxes que tardan meses en confeccionar e que levan miles de abelorios. Son un exército distinto: pacíficos e algareiros, engalanados con pezas cosidas a man con moita precisión. Nestes uniformes decimonónicos destaca o peculiar tricorne dos xenerais, do que sobresaen plumas de pavo real. Os cabalos tamén levan ornamentación na cabeza e no peito.

Loitas dialécticas

Do 16 de febreiro ao 10 de marzo os xenerais cabalgan polos municipios recitando os famosos altos ou atranques, auténticas loitas dialécticas nas que miden a súa destreza verbal e poñen a andar a todo o mundo. Pero antes diso, os correos anuncian a súa chegada e as veciñas e veciños agasállanos con bebida e comida. Os xenerais van de porta en porta dando as vivas: palabras cheas de desexos de vida para cada familia. Tras eles van as comparsas, o coro de bonitos (de nenas e nenos) e o coro de vellos (de adultos).

Desde A Estrada, pasando por Silleda e acabando en Vila de Cruces, o entroido rural de Pontevedra fai que esta sexa unha boa época para coñecer estes lugares. Camelias en flor, lamprea do Ulla, cocido galego… Din que quen proba repite unha e outra vez.