Rapa das Bestas de Sabucedo
Sabucedo cabalga sobre un mar de crinas
Medios de todo o mundo asisten impresionados á celebración de Rapa das Bestas
Corpo a corpo. Así é a loita ancestral na que aloitadoras, aloitadores e cabalos se mergullan no curro do Campo do Medio, na parroquia estradense de Sabucedo. Segundo a lenda, dúas irmás ofrecéronlle a san Lorenzo, patrón do lugar, dúas eguas. A ofrenda completaríase se se salvaban dunha peste que, imparable, arrasaba o pobo. A promesa cumpriuse e naceu a Rapa das Bestas. Séculos despois, xa coa distinción de festa de interese turístico internacional, a rapa conmemórase a principios do mes de xullo.
O curro de Sabucedo é o máis internacional e nel exclúese o uso de calquera pau ou utensilio de axuda que non sexa a forza do ser humano.
A tradición forma parte do día a día das veciñas e veciños, que, desde ben pequenos, se internan no curro para axudar ás aloitadoras e aos aloitadores, ao principio cos poldros. Do mesmo xeito, o costume de visitar Sabucedo por estas datas e de colaborar coas tarefas de reunión das mandas nos montes próximos está moi arraigada nas xentes das parroquias próximas, que durante décadas guiaron as eguas e os garañóns (cabalos macho) de cada manda cara á aldea.
Desde hai uns anos esta tarefa —que antes se realizaba os sábados— ten lugar durante a xornada do venres. Deste xeito, resérvase a fin de semana para o espectáculo do curro, para o que non adoitan quedar entradas dispoñibles. Sexa baixo un sol de xustiza ou nun día de menos calor, as bancadas énchense e as colas parecen interminables. Todo vale a pena para gozar dun espectáculo único.
Durante o curro córtanse as crinas das eguas e dos cabalos, ademais de desparasitalos. En primeiro lugar, as crías sepáranse das súas nais; os máis novos encárganse de encamiñalos cara a un espazo habilitado para isto. Os aplausos parecen elevar a súa intensidade cando os garañóns se enfrontan, unha imaxe que deu a volta ao mundo. Unha vez rapados, os animais emprenden o seu traxecto cara ao enclave no que descansarán ata a súa volta aos montes.
O luns celébrase un novo curro. Esta vez de carácter solidario, xa que se doa a recadación a distintas causas benéficas. Cara ao mediodía, a tradición chega un ano máis a un novo punto e seguido, o que encamiña ás míticas mandas de Sabucedo cara ao seu fogar: os montes estradenses.
Acampada, turismo rural e comidas en familia
Ademais de facer noite en casas de turismo rural da zona —que ofrecen especialmente o paquete turístico TuriRapa a través da asociación Mar de Compostela— Sabucedo proponlle a aquelas persoas que o visitan a posibilidade de acampar para gozar desta tradición. Así, cada ano habilítanse zonas específicas e gratuítas que ofrecen duchas e baños de uso público.
Por outra banda, é habitual ver como familias e grupos de amigos gozan de comidas campestres na contorna do curro. Neste espazo instálanse, ademais, diversos negocios como postos de polbeira.
A cultura galega ten, ademais, unha gran presenza en cada edición da Rapa das Bestas, especialmente da man do festival Rapasóns. Na contorna pode realizarse, ademais, a Ruta dos Muíños de Vesacarballa: unha senda curta de gran beleza que conta con muíños recentemente restaurados. Pontes, un serradoiro aberto ás visitas durante a rapa, os propios muíños e distintas canles para a auga acompañan a aquelas persoas que camiñan.