Fiestas en Rías Baixas

FESTAS

Danzas ancestrais de Darbo

Baile na honra de Santa María de Darbo

Xunto con Aldán e Hío son as tres parroquias de Cangas que conservan esta tradición

Se en xaneiro se celebra a Danza de San Sebastián en Aldán e en agosto a de San Roque no Hío, en setembro é a quenda da Danza e Contradanza de Darbo. A diferenza das dúas primeiras, esta é unha danza encomendada á patroa da súa parroquia, Santa María de Darbo.

A Danza e Contradanza de Darbo é un festexo que durante moito tempo non se realizou, ata que veciñas e veciños da parroquia, co obxectivo de recuperar vellos costumes, comezaron a buscar a maneira de recuperar este baile. A tarefa non foi sinxela debido a que había unha gran fenda xeracional. Afortunadamente, grazas á documentación histórica dos arquivos, a algunha fotografía e á localización dunha antiga, lograron rescatar esta vella peza con varios séculos de historia.
 

Danzas Darbo primera
Hoxe é unha tradición que se transmite de pais a fillos, un dos bailes máis antigos non só de Pontevedra, senón de Galicia. Celébrase despois dunha solemne misa e tras concluír a procesión. Dez galáns e cinco damas realizan fronte á igrexa a Danza e Contradanza, que, a diferenza do que ocorre no Hío, é tamén interpretada por mulleres; todos van acompañados por un guía ao compás dun gaiteiro e un tamborileiro. 

A petición popular, a actuación repítese pola tarde para aquelas veciñas e veciños que non puideron asistir á primeira cita. Desta maneira, a partir das sete da tarde e despois dunha misa, repítese a Danza e Contradanza, que adoita durar igual que a anterior, ao redor de 45 minutos.

 

Vestimenta
En canto á vestimenta, os homes levan pluma no chapeu e locen pendentes. Mentres uns consideran que é un símbolo de riqueza, outros sosteñen que provén de cando os homes tiveron que substituír as mulleres polo veto da Igrexa. En canto ás mulleres, que visten con camisa, enaguas e saias con puntillas anchas, destacan o seu mantón e o chapeu feito de flores naturais (a diferenza dos chapeus da Danza do Hío), que elas mesmas confeccionan unhas horas antes para manter o seu colorido vivo.

Darbo 1
Darbo 2
Festas
En canto ao resto do festexo, o pregón e o chupinazo teñen lugar o día 6 pola noite; na edición anterior foron acompañados dunha queimada popular. Ao día seguinte, foguetes, verbena e orquestras amenizan a festa. O día 8 é o máis especial, coas dúas sesións da Danza e Contradanza, pola mañá e pola tarde. Unha última misa solemne e procesión celébranse o día 9 e esa mesma noite finalizan as festas coa verbena.

Para ver e percorrer
A comarca do Morrazo é unha das zonas máis fermosas das Rías Baixas, con praias extraordinarias coma as da Costa da Vela, Melide, Nerga ou Liméns, onde se pode pasear ata Cabo Home ou ata o faro de Punta Robaleira. No lado oposto atópanse as praias de Menduíña ou Areabrava, entre outras. Pola súa banda, o miradoiro do Monte do Facho e o castro que aí mesmo se atopa teñen unhas vistas envexables. Tamén se recomenda o paseo e a visita ao Cabo Udra, un pouco máis apartado pero que paga a pena.