Peixe para todos os padais
O peixe de Rías Baixas goza tamén de grande prestixio e forma parte dos menús e cartas de todos os restaurantes. A variedade de produtos que capturan as frotas das localidades mariñeiras é enorme. Linguado, rodaballo, robaliza ou robalo, pescada, mero, peixe sapo, sardiña, salmonete, sargo, sepia, solla, raia, pargo, xarda ou corvina son algunhas das especies que se poden atopar nos mercados da provincia e nos establecementos de calquera municipio.
Os barcos de baixura, que pescan nas rías e en xeral preto da costa, empregan diferentes artes en función da especie. Enmalle, cerco ou arrastre son algunhas delas. Desde primeiras horas da madrugada as e os mariñeiros saen ao mar para capturar o peixe e vendelo na lonxa en poucas horas.
Os cefalópodos, moi saborosos e característicos da cociña deste destino, tamén abundan nas rías. Especialmente apreciado é o polbo, cociñado tradicionalmente á feira pero cun receitario cada vez máis amplo. Choco, lura ou sepia figuran tamén nesta lista de especies de gran calidade e moi arraigadas na gastronomía das Rías Baixas.
A provincia conta ademais con tres grandes portos de interese xeral (Vigo, Marín e Vilagarcía de Arousa) , así como outros tamén importantes nos que se desembarca o produto de pesca de altura, o que incrementa a xa de seu amplísima oferta. O de Vigo está considerado o maior porto de pesca fresca do mundo. A actividade nas súas lonxas desde a madrugada é frenética.
Actividade frenética na lonxa. Vigo é o primeiro porto de España en descarga de peixe e polas súas lonxas pasa diariamente un terzo do produto fresco de todo o país. Hai xornadas nas que se superan os 230.000 quilogramos de peixe descargado, un dato excepcional que explica o bulicio nas súas cinco lonxas durante toda a madrugada. Consulta á autoridade portuaria a posibilidade de realizar visitas para asistir a unha apaixonante poxa en directo.